Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta pon de relevo que os 250 mellores expedientes dos galegos do exterior procedentes de 22 países cursarán cunhaa Bolsa BEME un mestrado en Galicia


― Entre os admitidos para o próximo curso, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC)

― A Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) con máis de 850 galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un mestrado nunha das tres universidades galegas

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicar a listaxe dos 250 mozos galegos do exterior que, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cursarán un mestrado nalgunha das tres universidades galegas durante o próximo curso. Estes 250 seleccionados proceden de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa A Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela ou países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos.

Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).

Cómpre destacar que a Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) con máis de 850 galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un mestrado nunha das tres universidades galegas.

As bolsas BEME
Estas bolsas destínanse a galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria en Galicia, coa conseguinte posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.

Todos as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na nosa Comunidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar, cubrirá gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co talento galego no estranxeiro, ofrecendo xa máis de 2.000 oportunidades de retorno ata a data, coa meta de fortalecer a Comunidade galega a través da educación e da integración profesional.